29.7.07

¿Cando é obrigatorio acudir con avogado os xuizos?

A Lei de Axuizamento Civil (LAC) sinala que os litigantes deben comparecer e actuar no proceso por medio de procurador e dirixidos por un avogado. Esta regra xeral ten excepcións que non prohiben a intervención destes profesionais, senón que fan esa intervención facultativa. Entre as excepcións referidas, a LAC sinala que non se require de avogado nin de procurador nos xuízos verbais se a contía da reclamación non excede dos 900 euros, sen distinguir entre persoas físicas e xurídicas. Pero deben darse os dous presupostos: que o xuízo sexa verbal e que a contía sexa inferior á devandita cifra.
Tampouco é necesaria a intervención letrada para o inicio do procedemento do que falamos hai tempo, O Monitorio, sen embargo para á súa tramitación posterior si a cuantía supera os 900 euros teremos que estar defendidos por un avogado.

O motivo desta excepción é que se presupón que as reclamacións inferiores a esta contía se deben a cuestións sinxelas abondo como para que o descoñecemento do Dereito non sexa un inconveniente ou entorpecemento.
A pesares de non ser obrigatoria a presenza de letrados en determinados procedementos, como acabamos de relatar, sí é aconsellable estar asesorados por eles, porque son profesionais con experiencia en xuizos, pleitos, etc., seguro que irá máis seguro.
No tocante ás costas, a LAC di que cando a intervención de avogado e procurador non sexa obrigatoria, aínda que a outra parte si que poderá acudir con avogado, da condena en costas exclúense os honorarios. Esta é a regra xeral con dúas excepcións: que o domicilio da parte representada e defendida estea nun lugar distinto ó que se tramitou a reclamación ou que o tribunal aprecie temeridade (mala fe) na conducta do condenado (por exemplo, se unha persoa, malia a coñecer que o seu contrario ten razón, o obriga a emprender un litixio xudicial para despois acepta-lo que lle pide). Con todo, se concorre algunha destas dúas excepcións, o litigante ó que correspondan as costas dos avogados só está obrigado a pagar unha cantidade que non exceda da terceira parte da contía do proceso.